VII Premios Cegasal

Toni Silva e Adrián Amoedo gañan os VII Premios Cegasal de Xornalismo

  • La Voz de Galicia e Faro de Vigo protagonizarán o próximo 24 de marzo uns galardóns que recoñecen o xornalismo comprometido coa inclusión laboral
  • Mino Martínez, presidente de Cegasal: "A inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral beneficia a toda a sociedade e o papel do xornalista para normalizar o emprego inclusivo é primordial"
Por algún motivo no se a completado la carga del separador, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar

 

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2025. A Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (Cegasal) anunciou o fallo do xurado dos VII Premios Cegasal de Xornalismo, que nesta edición recaeron sobre os xornalistas Toni Silva, de La Voz de Galicia, e Adrián Amoedo, de Faro de Vigo. Ambos profesionais foron recoñecidos polas súas reportaxes sobre experiencias de integración de persoas con discapacidade no ámbito empresarial galego.

En concreto, o traballo de Toni Silva, publicado en La Voz de Galicia o 11 de agosto de 2024, aborda como a empresa Fornos Lamastelle (Oleiros, A Coruña) integra a traballadores con discapacidade na súa cadea produtiva; mentres que Adrián Amoedo escribiu para a sección  de Economía de Faro de Vigo sobre a planta de reciclaxe da empresa Coregal en Mos (Pontevedra). Ambos os artigos, que poñen de relevo o valor social e económico da inclusión laboral,  destacan pola súa calidade, sensibilidade e rigor xa que “visibilizan a realidade da inserción laboral das persoas con discapacidade en Galicia desde unha perspectiva inclusiva e sen caer en paternalismos”.

Tras dar a coñecer o veredicto, Mino Martínez, presidente de Cegasal, sinalou que as reportaxes premiadas “demostran que a integración das persoas con discapacidade no mercado laboral é unha aposta gañadora que beneficia a toda a sociedade", destacando así mesmo a importancia do labor informativo para concienciar sobre a realidade e as capacidades deste colectivo.

Os Premios Cegasal de Xornalismo, creados en 2017, teñen como obxectivo recoñecer aos profesionais dos medios de comunicación que co seu traballo contribúen a difundir os valores da economía social e a inclusión laboral.  Ao longo das súas sucesivas edicións, estes galardóns consolidáronse como un referente no ámbito da economía social galega, ampliando incluso o seu alcance para distinguir tamén o labor de administracións públicas e empresas comprometidas co emprego inclusivo.

A entrega dos galardóns desta edición terá lugar o próximo 24 de marzo en Santiago de Compostela, nun acto institucional que reunirá a autoridades, representantes empresariais e asociados.

Esta convocatoria cobra especial relevancia no contexto laboral galego, onde a inclusión das persoas con discapacidade aínda presenta importantes retos. Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), apenas un 31% das persoas con discapacidade en Galicia en idade de traballar participa no mercado laboral, fronte a preto do 79% da poboación sen discapacidade. Ademais, a taxa de paro deste colectivo supera o 19%, varios puntos por encima da media xeral. Estas cifras, destaca Martínez,  “evidencian a necesidade de iniciativas e políticas que promovan a inserción laboral”, así como a importancia de visibilizar, a través dos medios, as historias de éxito neste ámbito.

Neste sentido, Cegasal desempeña un papel fundamental na promoción do emprego para persoas con discapacidade en Galicia. A asociación foi fundada en 1997 e agrupa actualmente a 32 centros especiais de emprego de iniciativa social en Galicia, empresas que deben contar por lei con polo menos un 70% de empregados con discapacidade.

Grazas a este modelo, os centros asociados a Cegasal dan emprego a máis de 2.400 persoas (o 96% con algún tipo de discapacidade) e xeran conxuntamente máis de 44 millóns de euros de facturación anual, reinvestindo os seus beneficios na creación de novos postos de traballo adaptados.Con iniciativas como o Premio Cegasal de Xornalismo, a entidade galega reforza o seu compromiso de sensibilizar á sociedade e de recoñecer o labor de quen contribúe a unha Galicia máis inclusiva, onde as persoas con discapacidade teñan igualdade de oportunidades na contorna laboral.

Contidos relacionados
Por algún motivo no se a completado la carga del carrusel, pincha el botón recargar para intentarlo de nuevo.

Recargar